QUÉ PRETENDE CONSEGUIR
A través do proxecto Life + Atlantic Vineyards pretendemos estar na vangarda en proxectos e novas tecnoloxías para aumentar a eficiencia dos nosos viticultores e conseguir reducir ó mínimo o impacto medioambiental das nosas explotacións.
Condes de Albarei conta actualmente con 400 socios e agrupa arredor de 300 ha de viñedo, o que se traduce anualmente en tres millóns de botellas de albariño.
A historia da Adega Condes de Albarei vai paralela á da Denominación de Orixe. Os seus achados e éxitos enxalzaron os viños das Rías Baixas desde que, en 1988, un grupo de viticultores do val do Salnés concibiu un desenvolvemento común que pasaba, como non podía ser menos, pola elaboración, embotellado e comercialización de viños monovarietais de albariño de alta calidade.
En 1991 o seu albariño acadaba a medalla de ouro no Challenge du Vin de Burdeos, o primeiro galardón internacional para un viño branco español. O premio, o primeiro dunha longa serie, abriunos as portas do mercado exterior a países dos cinco continentes.
En xuño de 2008 Condes de Albarei fíxose co emblemático Pazo Baión, onde actualmente se elabora o primeiro “viño de pago” de Galicia. A propiedade conta con 22 ha de viñedo e un infinito valor paisaxístico, arquitectónico, histórico e cultural.
Tanto Pazo Baión coma Condes de Albarei presentan unha clara vocación cara ó turismo enolóxico, cunha ampla oferta de actividades e servizos; todos os públicos teñen a posibilidade de achegarse á nosa cultura do viño, de aprender e gozar dela nas nosas instalacións.
Desde a súa creación, en 1988, a adega sufriu dúas ampliacións importantes debido ó incremento da comercialización dos viños, que non cesou ata o de agora. Hoxe contamos cos máis modernos medios de elaboración e control da calidade, con tres naves de elaboración, unha de estabilización e outra de conservación, así como cunha gran zona dedicada, exclusivamente, á recepción da uva en vendima, outra ó embotellado e dous a almacén.
POLÍTICA MEDIOAMBIENTAL
A filosofía de Condes de Albarei baséase nun profundo respecto e coidado da natureza. Por iso asegurámonos de minimizar o impacto ambiental ó longo de todo o proceso de elaboración, desde a produción da materia prima ata o embotellado e o etiquetado.