-
Deseño e desenvolvemento dun sistema integrado de control para a optimización medioambiental
O S.I.C.O.M. é un Sistema Integrado de Control para a Optimización Medioambiental, deseñado para controlar o clima nos viñedos do proxecto e, deste modo, saber cando son maiores as probabilidades de que se produzan ataques de fungos.O sistema baséase nunha rede de sensores meteorolóxicos localizados nos viñedos, que gravan os rangos de temperatura e humidade da zona ó longo do ano. Esa información envíaselle, empregando tecnoloxía sen fíos, a un computador central para o seu procesado. Nese punto selecciónanse automaticamente os rangos de temperatura e humidade perigosos, xunto á predición meteorolóxica, que farán que o sistema informe inmediatamente o viticultor das probabilidades que existen de que sufra un ataque de fungos nos seus viñedos. Deste xeito optimízase o uso dos produtos químicos, que só se usarán para tratar os viñedos cando sexa estritamente necesario.
-
Mellora da eficiencia dos tratamentos dos viñedos
Unha vez que os técnicos tomen mostras nos viñedos e recollan información sobre os produtos e tratamentos usados polos viticultores na área de traballo estudaranse no laboratorio as condicións de desenvolvemento (temperatura, humidade e estado de desenvolvemento do viñedo) para as infeccións de fungos máis comúns, xunto cos produtos e tratamentos máis convenientes para evitar as enfermidades nos viñedos da D. O. Rías Baixas. Contando cos laboratorios da Deputación de Pontevedra, localizados en Lourizán, na finca Areeiro, e cun equipo de biólogos especializados no cultivo de viñedo será posible investigar e probar tratamentos experimentais antes de recomendárllelos ós viticultores para obteren máis eficiencia nos tratamentos e na súa aplicación ós viñedos.
-
Desenvolvemento e implantación de métodos de cultivo sostibles
Unha vez que o SICOM estea probado, ó mesmo tempo que os métodos para a mellora da eficiencia dos tratamentos nos viñedos, procederase a implantar os métodos máis convenientes para minimizar a necesidade de uso de produtos químicos nos viñedos. O obxectivo é reducir o uso de nitróxeno químico para o estercado das viñas, a través de métodos de agricultura sostible como a produción natural de humus a partir dos restos de plantas no outono ou mesmo a posibilidade de incluír liñas de plantas leguminosas para fixar o nitróxeno e evitar a dispersión das pragas de insectos. A implantación levarase a cabo nos viñedos onde se realicen as accións do proxecto, como son os viñedos pertencentes ás bodegas Martín Códax, Condes de Albarei e Rosalía de Castro.
-
Desenvolvemento dun Plan de Xestión Medioambiental
O Plan de Xestión Medioambiental do LIFE + Viñas Atlánticas consistirá no deseño e desenvolvemento dun plan específico de xestión e accións que inclúa as experiencias, as leccións aprendidas e as técnicas aplicadas durante o proxecto Viñas Atlánticas, para acadar un desenvolvemento sostible dos viñedos da D. O. Rías Baixas; un plan que permaneza no tempo, minimizando os riscos da contaminación causada polos produtos químicos e permitindo un uso sostible dos recursos naturais con beneficios económicos para os viticultores da rexión.
-
Monitorización e autoavaliación do proxecto Viñas Atlánticas
LIFE + Viñas Atlánticas medirá a efectividade das accións mediante tres informes: un inicial para ver a situación antes do comezo do proxecto; un segundo informe, ó final do primeiro ano, cando se encontre instalado o sistema integrado de control para a optimización medioambiental; e un terceiro informe, ó final do segundo ano, cando se inicien as accións de mellora dos tratamentos e accións de agricultura sostible.